A Asociación Galega de Compositores, AGC, foi inicialmente constituida por (en orde alfabética) Jorge Berdullas del Río, Juan Durán, Carlos López García-Picos, Manuel Mosquera, Xavier de Paz, Paulino Pereiro e Juan Vara e na actualidade conta cunha treitena de asociados (ver epígrafe compositores membros), todos eles de tendencias tan diversas coma a realidade actual da creación musical culta. Tamén cabe destacar que formaron parte dela Manuel Balboa e Xoán Viaño, xa falecidos.
No seu organigrama distínguense socios numerarios (compositores e compositoras asociados e membros de pleno dereito), socios protectores (personas físicas ou institucións que apoian de diferente xeito a actividade da AGC) e socios de honra (personas físicas ou institucións ás que a AGC distingue pola súa traxectoria). A AGC Está rexida por unha Xunta directiva, da que só poden formar parte os socios e socias numerarios, elixida democráticamente cada catro anos pola Asemblea Xeral que está integrada por socios numerarios e protectores. O trámite de admisión dos socios numerarios descríbese no epígrafe Asociarse.
Dende a súa fundación, a AGC mantén tres liñas de actuación: procurar a interpretación, gravación e publicación das creacións dos seus membros, así como dos compositores históricos galegos. Paralelamente, a AGC colabora ou participa en actividades organizadas por outras asociacións ou entidades como a súa participación nas III, IV e VI Xornadas de Música Contemporánea celebradas en Santiago de Compostela en 1989, 1990 e 1992 respectivamente, a súa intervención en 2003 na organización do maratón musical "Os músicos coruñeses coa marea negra", ou o seu apoio aos as recentes homenaxes realizadas en 2008 aos compositores Enrique Macías e Manuel Balboa. Por último a iniciativa da AGC realízase en 2005 o Ciclo Arquivo Canuto Berea da Deputación Provincial da Coruña que incluía composicións dos compositores históricos galegos e contemporáneos.
Durante os anos 2007 e 2008, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación encarga a AGC a elaboración de obras destinadas á docencia musical para diferentes niveis. Os materiais resultantes deste encargo, están a disposición pública en formato PDF en http://www.edu.xunta.es/rmusicais.
O 28 de decembro de 2008 a AGC organiza co patrocinio da Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña un concerto baixo o título "Música Galega sobre poemas galegos" que inclúe composicións para voz e piano sobre textos en lingua galega de poetas de diferentes épocas aos que poñen música compositores e compositoras da AGC. Esta iniciativa ten continuidade no ano seguinte no ciclo "Música de compositores galegos sobre poemas galegos" tamén patrocinado pola Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da cidade herculina.
Tamén reviste especial interese para a AGC a edición de rexistros sonoros de composicións dos seus aociados. En 1998 có patrocinio do IGAEM e a Fundación Pedro Barrié de la Maza aparece un dobre disco compato con obra para piano de distintos autores da AGC interpretado por Antoni Besses e Albert Nieto. En marzo de 2009 e con motivo da Mostra do Ensino a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación patrocina a edición do rexistro sonoro titulado "Perspectivas" que inclúe fragmentos de obras de cámara de membros da AGC procedentes do arquivo sonoro de Radio Galega, institución que sempre mostrou un grande interese polas actividades da Asociación.
No ano 2002 aparece o boletín informativo "Música Hoxe", revista que proporciona información das actividades da AGC e dos seus socios.
Entre todas as actividades levadas a cabo directamente pola AGC destaca pola súa continuidade e relevancia a organización dos Ciclos de Cámara. A programación dos mesmos inclúe fundamentalmente obra dos compositores asociados, que de ser o caso completouse con creacións de autores dos século XX ou do nacionalismo galego. Dende 1988 e ata o momento desenvolvéronse XIII Ciclos de Cámara. O último destes ciclos celebrado en febreiro de 2009, adicouse en homenaxe a Carlos López García-Picos compositor nado en Betanzos en 1922 que desenvolve a maior parte da súa careira compositiva en Arxentina; precisamente o seu regreso marca o inicio da andaina da AGC da que foi membro fundador e o seu primeiro presidente.
COMPOSITORES |