25 ene 2014

Banda de Música Municipal de Silleda

Fundada no ano 1.888, a  A. C. Banda de Música Municipal de Silleda  chega a ser unha das mellores bandas galegas.
Foron moitos os directores que levaron a batuta desta agrupación, entre os que cabe destacar a Tomás Beteta, Ernesto Beteta, Francisco Beristain, Antonio Amigo, Waldo Núñez…
   
Desaparece no  ano 1.977, despois de case un século de glorias e bo facer.
   
No ano 1.985, un grupo de antigos compoñentes, reúnense  para formar o que será a nova agrupación, apoiados pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, o Excmo. Concello de Silleda e o pobo en xeral.
   
Encoméndaselle  a dirección da Banda e da súa Escola de Música a D. José María Fernández García, que permanece ó fronte da Banda ata o ano 1.988.
   
En Septembro deste mesmo ano faise cargo o mestre D. Manuel Molinos Rivas. Ó ano seguinte  fúndase a “Asociación de amigos da Banda de Música de Silleda”, co fin de respalda-las actividades da agrupación musical, e que conta na actualidade con 450 socios.
   
En Xaneiro de 1.994 accede á dirección D. José Ángel  Presa Carrera. Dende este mesmo ano, a Banda ven organizando o Festival de Bandas de Música de Silleda, polo cal pasaron algunhas das bandas de maior prestixio de Galicia e de fóra da nosa Comunidade, festival que contou dende os seus comezos cunha extraordinaria  acollida entre o público, que valora a súa calidade tanto musical como organizativa, facendo del un dos máis relevantes da nosa comunidade autónoma.
   
No ano 1.995, a agrupación decide potencia-la Escola de Música da Banda, creando coa colaboración do Excmo. Concello, a Escola de Música Municipal de Silleda, autorizada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, no ano 1.996. Esta escola, xestionada pola banda, conta cuns 150 alumnos, e un cadro de profesores de excelente calidade, que imparten un completo programa docente. A Escola organiza gran cantidade de actividades: asistencia a concertos, Festivais de Nadal, Festivais de Fin de Curso, Festival de Grupos de Metal de Galicia, Festivais de Bandas Xuvenís, creación de grupos de cámara, Banda Xuvenil, coro, cursos de verán, Orquestra de Cámara….Hai tamén  que destacar que membros desta escola formaron parte da Escola de Práctica Orquestral da Orquestra Sinfónica de Galicia, Xoven Orquestra Mundial, J.O.N.D.E. (Joven Orquesta Nacional de España) e recentemente na Orquestra Europea.
É  invitada a participar en numerosos festivais da Comunidade Galega, entre os que cabe destacar os de: Meaño, Deza, Ourense, Cangas, Tui, O Rosal, Gres, Chapela, Beade, Castrelo de Cambados, Vila de Cruces... Tamén foi invitada a facer grabacións para a televisión e Radio Galega.
Nos últimos anos a Banda foi invitada a dar concertos fóra de Galicia, con actuacións en:

- Principado de Andorra
- Albacete (La Gineta, Aguas Nuevas, Balazote
- Ponferrada
- Monóvar (Alicante)
- El Puig, Albalat del Sorells, Lliria (Valencia)
- Pola de Laviana e Luarca (Asturias)
- Portugal (Tomar, Monçao, Troviscal, Oporto, Coimbra, Terras do Bouro)
- As Festas do Pilar en Zaragoza
- Centro Galego de San Sebastián    
- San Martín de Valdeiglesias (Madrid).


- No mes de Outubro do ano 2.000 realiza uns concertos en Bos Aires e Mar del Plata (Arxentina), invitada polos Presidentes dos Centros Galegos destas cidades.
- No ano 2001 é invitada ó XII Festival Internacional de Bandas de Música de Loures  (Lisboa).
 - En Xullo de 2002, a banda participa na XII edición do Certame nacional de bandas de música “Villa de Leganés” (Madrid).
- En 2003 a Agrupación realiza unha serie de concertos polo sur da península nos que se destacan os realizados en cidades como Ronda e Granada.
- No ano 2004 viaxa a Gran Canaria, invitada polo Concello de Maspalomas, con motivo do ano Santo Xacobeo.
- En 2005 participa na conmemoración do 175 aniversario da Praza Maior de Salamanca, realizando un concerto na debantita praza.

En decembro de 1997 toma a batuta da agrupación D. Javier Viceiro Filgueira, con quen se consolida definitivamente, realizando o seu primeiro traballo discográfico. É invitada a súa vez a dar concertos en Zaragoza e o País Vasco.Permanece ó fronte dela ata Outubro de 1999.
Dende Novembre de 1.999, está baixo a batuta do mestre e compositor valencián  D. Octavio Más Arocas.
Esta Banda consigue ó longo da súa historia numerosos premios e galardóns entre os que hai que destacar:
  • 1º Premio no Certame de Bandas de Música de Vigo (1.959).

  • 2º Premio no Certame de Bandas de Música de Ourense (1.972).

  • 2º Premio na 1ª sección no Certame Nacional de Bandas de Música de  “Villa de Leganés” en Madrid (2.002).

  • 1º Premio e Mención de Honra na 2ª sección no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.002).

  • 1º Premio e Mención de Honra na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.005). 

  • 1º Premio e Mención de Honra na sección especial no Certamen de Bandas de Música “Deputación Provincial de Pontevedra” (2.007).
Durante o ano 2.003 edita o seu segundo traballo discográfico, coincidindo coa celebración do seu X aniversario do Festival de Bandas de Música de Silleda. Neste traballo recóllense algunhas das pezas interpretadas ó longo destes 10 anos en directo, do Festival de Bandas de Música de Silleda.
Na actualidade a Banda de Música Municipal de Silleda, conta con máis dun centenar  de músicos federados, o que a converte nunha das bandas máis numerosas da Comunidade Galega. O seu director é D. Rafael Agulló Albors.
   
A Banda de Música Municipal de Silleda co seus máis de 300 socios e 100 empresas colaboradoras, a súa Escola de Música con 100 alumnos, Banda Xuvenil, Grupos de Cámara, Orquestra de Cámara e Coro, están a  realizar unha importante labor social, cultural e educativa.