A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) é unha unidade asociativa creada en 1985 para dar resposta ás necesidades comúns das bandas galegas.
En torno a ela concéntranse 87 bandas populares. A FGBMP actúa como centro para o desenvolvemento e administración de información, promoción educativa e divulgativa da labor das bandas, así como de organización de cursos, festivais, certames ou intercambios entre bandas de características similares, tanto galegas coma estranxeiras.
A súa razón se ser céntrase en tres eixes:
Primeiramente centrar o debate, a nivel interno, en tódalas cuestións que preocupan ás Bandas de Música e das que depende o seu futuro (xestión administrativa, formas de finanzamento, reformas organizativas, xestión das escolas de música…).
A segunda razón é a de transmitirlles ás Institucións Públicas galegas a verdadeira dimensión do movemento asociativo musical:
- un movemento asociativo cunha forte implantación, 88 bandas e arredor de 5500 músicos sen contar con asociados e xestores non músicos e os alumnos e alumnas das Escolas de Música xestionadas polas Bandas de Música;
- un movemento asociativo serio e con capacidade de innovación, xestión e dinamización cidadá,
- un movemento asociativo que estrutura un "tecido social” capaz de canalizar proxectos e actuacións en diferentes eidos da vida social e cultural dos nosos concellos,
- un movemento asociativo que contribúe a dotar de contido a nosa “identidade galega”, da que as Bandas de Música forman parte indisoluble e indispensable dende hai máis de 100 anos.
Por último, a terceira razón é a de transmitirlle á sociedade galega unha dobre mensaxe:
- por unha banda a de que as Bandas de Música están dispostas a facer un esforzo por actualizarse (boa proba disto está nesta páxina web), por achegarse ás novas formas dos usos e consumos culturais para adecuarse ós tempos, para facilitar ós cidadáns dos nosos concellos novos e mellores servizos;
- e por outra, reclamar á propia sociedade galega que se achegue ó fenómeno asociativo musical, que non lle dea as costas sobre todo nas grandes cidades, que non pense nas Bandas de Música exclusivamente como as que “fan alboradas e verbenas” ou calquera outro acto festivo dos miles que se celebran na Galiza, non renunciando a eles, pero ampliando horizontes tanto en cantidade como en calidade.
Federación Galega de Bandas de Música Populares
Rúa Anxeriz, 3 - Baixo - Oficina 2 
15895 Milladoiro - Ames
Teléfono oficina: 981 591 895     Móbiles: 615 324 727 ou 686 679 836
Horario de oficina
- Luns, mércores e xoves: 10.00-13.00 h.
- Martes e venres: 16.00-19.00 h.
FONTE: www.fgbmp.net

